jueves, 13 de noviembre de 2014



Novembro non é só o mes da mata, dos magostos e do Samaín. Tamén é, dende hai unha década, o mes da ciencia e, dende hai tres anos, o mes da ciencia e da tecnoloxía en galego.
No ano 2001, a UNESCO decidiu declarar o 10 de Santos como Día Mundial da Ciencia para a Paz e o Desenvolvemento coa finalidade de promover a utilización responsable da ciencia en beneficio das sociedades e, nomeadamente, na erradicación da pobreza e a prol da seguridade humana. Tamén persegue unha maior conciencia social da importancia da ciencia e reducir a fenda existente entre a ciencia e a sociedade.
Dende hai tres anos, a celebración da UNESCO foi adoptada nos centros educativos galegos como Día da Ciencia e da Tecnoloxía en Galego. O obxectivo principal desta efeméride, en consonancia co achegamento entre lingua e sociedade e mais co papel da ciencia a prol do desenvolvemento humano que propugna a UNESCO, é o de mostrar que a lingua galega é útil para facer ciencia e, no eido do ensino, para impartir as materias científico-técnicas.

Este ano, o profesorado agrupado arredor de IGACIENCIA (Institución Galega de Ciencia) propón centrar a celebración na tecnoloxía e nas figuras de Leonardo da Vinci e mais do galego Ramón Verea, inventor, entre outras cousas, dunha das primeiras calculadoras.
Ramón Silvestre Verea García (Curantes-A Estrada, 1833 – Bos Aires, 1899) é un dos pais das modernas máquinas de calcular. En 1878 patentou nos Estados Unidos de América un enxeño que, a diferenza dos seus predecesores –que só sumaban e restaban amodo- era capaz de multiplicar e de dividir instantaneamente incluíndo ata 15 cifras no resultado. O seu invento supuxo unha enorme contribución ao futuro desenvolvemento da computación. O prototipo deseñado por Ramón Verea exponse hoxe na colección de enxeños de cálculo que IBM ten na súa sé de Nova York.
Velaquí diferentes materiais elaborados por equipos de dinamización da lingua galega para educación infantil e primaria. Pincha neles para saber máis:




na páxina  da Secretaria Xeral de Política Lingüística "Outono de ciencia"  atoparás máis información.

0 comentarios:

Publicar un comentario

 
Copyright (c) 2010 Blog da Biblioteca do CEIP Julio Gurriarán. Design by Wordpress Themes.

Themes Lovers, Download Blogger Templates And Blogger Templates.